erik caChuzo, polivalente artista circense e literario de nacionalidade checa e pasado porcino, -que coñeceu a Kafka e todo- abre o seu weblog para emitir opinións e gañar moitos cartos -erik caChuzo ten unha acusada tendencia a buscar xeitos fallidos de obter ingresos económicos-. Este caderno non destacará precisamente polo estilo directo e/ou conciso. O obxectivo vital do caChuzo é chegar a devanceiro, conselleiro, ou artista ricamente subvencionado.

26.12.05

os humanos simples non entendedes nada


Hai quen sabe máis do que debe. Iso é o que podo dicir do comentario inaugural na lista de comentarios deste diario nunca visitado ata hoxe. Así o respondín e niso insisto. Está todo por aí abaixo. Un día contarei por que se di o que se di, como é que ata aquí cheguei, falarei do pasado e do futuro, da biografía e da imaxinación. Non volverei sobre o tema máis que para eliminar confusións, alusións malévolas ou simples chascarrillos. Quen ten unha biografía que se presta ó chiste fácil ha de ter unha língua que se entregue ó malabarismo difícil. Algúns políticos son bo exemplo diso; poucos, por desgracia. Así vai o parlamentarismo occidental.

Hoxe o día presentouse frío pero cunhas raioliñas termando por se coar entre as nubes que me invitaron ó paseo pausado por un parque nesta cidade norteña na que abandono os meus pasos esta temporada. ¿Poético? Pode ser. Un vello durmía onde onte durmía, co seu can vixiando que ninguén sentara no mesmo banco, ou que ninguén fixera ruído, ou que ninguén se achegara ó home que o somete. Igual ca onte. Un can vixiando de xeito disimulado, unha auténtica ameaza -podo entender a linguaxe corporal dos animais mellor que calquera "ser humano" sobre a face da terra, e xuro que o animal metía medo. Sentei en actitude deliberadamente molesta -silenciosa, pero molesta, se é necesario explicalo que alguén o pida e pegarei unha foto- fronte ó can e ó vello durmido, e o animal -ó can, refírome- fixo de quen que me ignoraba. ¡Cobarde!

No medio do desafío de miradas que iniciamos ós poucos segundos de me acomodar naquel frío madeiro mal cortado que nesta cidade chaman "banco do parque", unha parella de homes co destino -se cadra debera escribir Destino- xa marcado atravesaron o noso campo visual. Tal era a súa desgracia que antes de distinguir os seus xéneros -dicir sexos paréceme atrevido de máis- vin o seu Destino; o seu futuro, para entendernos.

Eran un home e unha muller, ían agarrados do brazo ou da man, -non podo precisar máis porque eu, lembren, miraba ó can- e levaban -nunha especie de carro coma os que uso eu ás veces para transportar as miñas escasas pertenzas- dous pequenos humanos que simulaban durmir. Non pesarían máis de tres kilos cada un, pero eran eles quen marcaban os destinos dos seus porteadores. Puiden velo. Á primeira. Intuíno, cheiréino, sentino. Eles, pequenos cabróns. Sátrapas diminutos. Déspotas.

Igual que ese vello que leva o can amarrado aínda cando durme, aqueles dous cativos que simulaban durmir levaban moi ben amarrados a aqueles dous pobres espíritos que querían parecer felices. Pero eu vin as cordas cos meus ollos de porco, as cordas ensarilladas arredor daqueles pais incautos. Púxenme en pé e berreilles, ¡cabróns, cabróns, soltádeos!, e logo faleilles ós esclavizados proxenitores ¡deixádemos a min, eu saberei que facer con eles, coñezo océanos infinitos, buratos sen fondo, lumes eternos, deixádemos a min que teño fame, e vós sede libres!.

Non me entenderon, nunca me entenden. Aqueles homes amarrados -do mesmo xeito que o can ladraría se me achegase a disturbar a paz daquel vello que o somete, o maltrata e, probablemente, o viola- defenderon a paz dos pequenos que simulaban durmir pedíndome silencio e calma de xeito paradóxicamente excitado. En vista da miña teimosía xusticieira optaron por fuxir con paso áxil. Aínda eu berraba cando o can do vello -que non espertou co balbordo- largoume unha chantada na perna, polas costas. ¡Máis que cobarde! ¡Lendia! ¡Piollento!

¿Por que non entenden que a paternidade é o cárcere para sempre, a antiliberdade? Iso é o que eu quería dicirlle pero non quixeron entender. Eles son os que ven as cousas do revés, os que non entenden nada, os que levan a pata metida sempre. Daí a foto. Os humanos simples non entendedes nada. Vedes todo do revés. ¿Ou é que alguén se atreve a dicir que esa gaivota non voa dereitiña?

O vello, por certo, seguía durmindo cando marchei dalí cara ó meu plástico refuxio insalubre. Mañá comprobarei se está ou non está morto. Custa moito traballo ás veces distinguir ós mortos dos vivos. Polo menos para os ollos dun porco.